Skip to main content

Onte á tarde, presentamos A TERRA, O BALÓN MAIS ELAS e a nosa nova páxina web https://aterraobalonmaiselas.com/ ao público e medios de comunicación. Estivemos arroupadas/os pola alcaldesa de A Coruña, Inés Rey García, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira Fernández, mais a concelleira de Deportes, Mónica Martínez Lema.

Á falta de 20 minutos para que a selección española masculina debutase no mundial. Fixémonos eco das palabras de Joseph Blatter cando foi nomeado presidente da FIFA en 1995: O futuro do fútbol é feminino. Deixamos claro que o Sr Blatter non é feminista, xa que se explicou que o ex presidente de FIFA viu o potencial do fútbol practicado por mulleres como unha oportunidade para que os de sempre puideran seguir lucrándose unha vez estalase a burbulla do fútbol moderno. 27 anos máis tarde, a realidade é que as mulleres seguimos sen ter os asentos necesarios nas mesas para alcanzar un fútbol diverso; sen ter voces para conseguir inclusión, e seguimos sen ser escoitadas para conseguir pertenza. As/os representantes da Asociación, Bibiana Santiso Naveira, Andrea Seijo Ares, Sara Gallego Rodríguez, Laura Raña Martínez e Jose Núñez Torrado, transmitiron as súas preocupacións e detallaron as accións que queremos realizar dende a A terra, o balón mais elas:

As e os que formamos, e nun futuro formemos, parte de A terra, o balon mais elas, temos como obxectivo mudar a paisaxe futbolística da nosa terra axitando conciencias, visibilizando e promovendo á muller dentro do mundo do fútbol, futsal e fútbol gaélico.

Tal como indica o estudo Elas + Fútbol, realizado por Bibiana Santiso Naveira e coa colaboración da Universidade da Coruña, a preocupación máis grande das mulleres é a falta de diversidade na gobernanza do fútbol. Un 82,5% viviron casos de machismo no seu lugar de traballo futbolístico e un 65% recibiron declaracións despectivas sobre a súa capacidade baseadas no seu xénero. A nosa Asociación nace co propósito de formar lazos con institucións, clubs, e empresas para mellorar estes e outros números en 4 anos.

O camiño para conseguir os obxectivos é longo. Primeiro, porque para poder ter as conversacións que melloren as nosas condicións, hai que gozar dun lugar seguro onde se poida falar sen medo a represalias. Un ambiente onde non é seguro estar en desacordo, non é un ambiente centrado no crecemento – é un ambiente centrado no control. Por iso na nosa páxina web, ademais de poder unirse á nosa asociación gratuitamente, incluímos unha ferramenta onde se pode denunciar calquera acto discriminatorio nun partido de futbol, futsal, fútbol gaélico; nos medios deportivos; ou nun ambiente laboral dentro das tres disciplinas mencionadas anteriormente. Poderemos xestionar a queixa informando ás institucións e entidades axeitadas. Se a persoa quere ser anónima ou que non fagamos nada, o dato queda gravado igualmente para comezar a ter unha visión numérica do que está a acontecer e para poder ver se hai melloría nun futuro.
Queremos educar para empoderar. Repensar a educación; non só nos colexios, tamén na formación continua das persoas que traballan nestes deportes. Unha educación con perspectiva diversa e visibilizando á muller en distintos cargos e sectores que traballan no mundo das tres disciplinas.

Outro dos nosos propósitos e formar convenios ou liñas de traballo coas distintas organizacións para fomentar o estudo científico. A ciencia deportiva, igual que outras, é androcéntrica, e por iso urxe a necesidade de crear literatura científica e modelos de actuación deportivo-sanitaria en mulleres e para mulleres

Queremos darlle a volta á forma de ver o negocio destes deportes.
É dicir, non se trata de que lle podes aportar ti ao fútbol, futsal ou futbol gaélico. Mais ben é, que poden facer estes deportes para as persoas, a comunidade e a sociedade.

Nosa conexión e compromiso con todo é moito máis profundo cando temos unha visión a longo prazo, cando actuamos pensando a longo prazo. Así o vemos na asociación. No mundo da natureza, unha especie só pode prosperar cando todo o que a rodea tamén prospera. Adoptemos isto. Unhas gafas violetas son necesarias para poder ver o fútbol dende tódalas cores.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad