O pasado 25 de novembro, dia de loita contra a violencia de xénero, o R.C. Deportivo, na persoa do técnico do seu primeiro equipo masculino, Óscar Cano Moreno, realizou unha declaración institucional posicionándose a prol desa loita. Queremos poñer en coñecemento da sociedade o relatorio dos feitos para que a sociedade poida xulgalos. O relato é o seguinte:
Logo do contexto exposto, 25-N, e do manifesto institucional, Óscar Cano Moreno fixo unhas declaracións sobre a súa muller e a dos seus compañeiros como explicación da realidade do fútbol, “o que pasa no campo debe quedar no campo”. [Ver vídeo]
O R.C. Deportivo non actuou ante o comentario e, ás 21:54 horas dese mesmo día, esta Asociación dirixiuse ao club a través da súa canle ética mostrando o desacordo coas manifestacións escoitadas da boca do señor Cano Moreno. Por esa razón, o noso desacordo engadía unha petición de rectificación e petición de desculpas por parte do citado.
Esta Asociación agardou tres días por unha resposta que non se produciu. Por tanto, o 28 de novembro consideramos ao R.C. Deportivo cómplice desas declaracións públicas ao absterse de actuar ante unha conduta do seu adestrador, que pode considerarse machista. Acto seguido, difundimos o vídeo das declaracións de Cano Moreno nas redes sociais, ao tempo que manifestabamos o noso rexeitamento a este tipo de condutas, activas e non activas.
Logo da posta en coñecemento da sociedade destes feitos, o primeiro de decembro recibimos resposta do R.C. Deportivo: “seguindo as normas internas do Club, analizáronse polo órgano competente as manifestacións as que vostedes fixeron referencia, e concluíuse que, atendendo ao contexto e ao ton no que foron realizadas, non se aprecia que constitúan ningunha vulneración do Código Ético, principios e valores do Club e resto de normativa interna, polo que non se admite a trámite a denuncia e se procede o arquivo da mesma”.
A resposta motivou a decisión de que esta Asociación presentase unha queixa sobre os feitos á Valedora do Pobo. A mesma elevouse o 02/12/2022 e baseouse en:
- Datos dun estudo da Universidade de Granada para mostrar os problemas subxacentes dun “chascarrillo”.
- Seccións do Código Ético e Normas Internas do R.C. Deportivo para mostrar a falta de entendemento e perspectiva que ten o club sobre a realidade social e incluso sobre as súas propias normas.
- Destacamos que o comentario que fai o adestrador é dentro dun contexto público e profesional, non nunha taberna entre colegas.
O 3 de decembro, durante o descanso do partido R.C. Deportivo – Córdoba no palco presidencial do estadio ABANCA Riazor, un alto cargo do club achegouse a Mónica Martínez Lema, Concelleira de Deportes da Coruña, apuntou cun dos seus dedos á cara da representante municipal, elevou o volume normal da súa voz e mostroulle o seu alporizamento porque esta persoa lle dera a “me gusta” á nosa publicación nas redes sociais onde rexeitamos as palabras de Óscar Cano Moreno. O alto cargo do R.C. Deportivo chegou a dicirlle á señora Martínez Lema que “somos o Real Club Deportivo de La Coruña”, dando a entender que estaba por riba de calquera crítica ou denuncia social. A interpelación rematou co alto cargo do club dicíndolle á Concelleira de Deportes: “¡Y a ver cuándo el Ayuntamiento hace algo por el club!”.
Mónica Martínez Lema trasladounos o seu malestar polo vivido no palco. Entendemos que este tipo de comportamento non é axeitado en ningún tipo de contexto social. Preocúpanos a influenza que poida exercer este tipo de abuso de poder cara as denuncias por desigualdade e machismo. Logo de falar coa interpelada, a señora Martínez Lema deunos permiso para incluír isto na nosa queixa.
O 12 de decembro recibimos o acuse de recibo da Valedora do Pobo onde nos facilitan o número de expediente: S.7.Q/12429/22.
Con este número de expediente podemos incluír toda a información que ocorreu a posteriori e achegar o vídeo da rolda de prensa de Óscar Cano Moreno:
- Transcribimos o manifesto lido polo adestrador e a adestradora do Dépor ABANCA onde destacamos as frases máis relevantes como: “un mensaje ROTUNDO”, “No al machismo”, “el Real Club Deportivo y el Deportivismo usaremos todos los medios a nuestro alcance para hacer llegar este mensaje por la igualdad, por el respeto y por la erradicación de cualquier tipo de violencia sexista en el fútbol, en el deporte y en la sociedad” y “un compromiso personal de todas cuantas personas formamos parte de la familia Deportivista”.
- Incluímos a incidencia onde un alto cargo intenta intimidar á Concelleira coruñesa, Mónica Martínez Lema, durante o partido R.C. Deportivo – Córdoba.
- Solicitamos que esta institución tome a determinación oportuna se é que entende que hai un comportamento social inadecuado. Neste sentido, quixemos salientarlle o contexto simbólico onde se produciu o comportamento de Óscar Cano Moreno, a actitude compracente do R.C. Deportivo e, en especial, o comportamento lamentábel do alto cargo do club.
O 20 de decembro recibimos a seguinte resposta da Valedora do Pobo: “Unha vez estudada a súa queixa, dámola por admitida ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución.
En consecuencia, solicitan un informe ao R.C. Deportivo.
O 27 de febreiro, tres meses máis tarde, recibimos dende a Valedora do Pobo un arquivo adxunto con data 24 de febreiro da admisión/conclusión do noso expediente. No mesmo faise a cronoloxía dos feitos e conclúe da seguinte maneira: “xa que a queixa que vostede formula non vai precedida da actuación dun ente administrativo de carácter público, en principio non parece preciso continuar a investigación iniciada como consecuencia do seu escrito de queixa e conclúese este expediente.”
O comportamento e conclusión que nos achega a Valedora do Pobo lévanos á realizar diversas reflexións e preguntas.
A Valedora do Pobo nin da nin quita a razón á nosa queixa, simplemente indica que non vai actuar porque o R.C. Deportivo é un ente administrativo de carácter privado.
Entón, dende esta Asociación preguntámonos o seguinte:
- Por que a Valedora do Pobo admitiu a nosa queixa nun principio?
- Ser é certo que o R.C. Deportivo é unha empresa privada, pero hai empresas privadas que teñen unha transcendencia pública significante onde as súas actuacións teñen moito máis impacto. As campañas de administración públicas, como o da Xunta de Galicia, obteñen máis publicidade a través deste tipo de empresas, pero quen audita o uso e o impacto negativo que teñen cando as actuacións da empresa contradín os valores dunha campaña de administración pública? Hai algún tipo de consecuencia?
- Como se controla ás empresas que teñen unha influenza política e social maior que algunhas institucións públicas e que abusan, en ocasións, da súa posición?